|
MANIFESTO
VERDEGAIA AMARANTE
Sinerxías
para Transformar
Vivimos
tempos de crise ecolóxica global, aumento das desigualdades e erosión
das liberdades, tempos de dominio das empresas transnacionais, de
imposición do mercado sobre persoas, pobos e Estados, sobre especies,
espazos e biosfera. Todo está á venda ou así se pretende, todo é
submetido á procura do beneficio, do lucro, da acumulación de cada vez
máis riqueza en cada vez menos maos.
Crise
ecolóxica global, pobreza, guerra global permanente, control social...
están interrelacionados e teñen causas estruturais cunha mesma orixe:
ese industrialismo que hoxe coñecemos en forma de globalización
capitalista/neoliberal. Un sistema antropocéntrico, etnocéntrico e
patriarcal; curtopracista, produtivista e tecnoentusiasta; ambiental e
socialmente devastador; insustentábel e autodestrutivo.
As
minorías privilexiadas globais acaparan materias primas e riqueza, ao
tempo que desprazan as cargas ambientais e sociais cara o resto da
humanidade e as xeracións futuras, xerando pobreza. Galicia, pola súa
condición de periferia no Estado español e na Europa, debería ter
unha especial sensibilidade con respecto a esa inxustiza estrutural, a
ese intercambio desigual no que as persoas e pobos desfavorecidos
malvenden a súa mao de obra e recursos naturais, receben as industrias
máis poluíntes, destrúen e ven destruír o seu contorno, expulsan á
poboación nova e mellor formada... mais non é así.
Por moi
desfavorecida que poda aparecer no contexto español e europeo, Galicia
é parte desa minoría privilexiada global que devora o planeta e o
futuro, que se enriquece a custa de empobrecer á grande maioría da
humanidade, ao conxunto da biosfera e ás xeracións futuras. Salvo
contadas excepcións, a humanidade toda é xa parte do industrialismo,
mais non todos os seres humanos temos a mesma responsabilidade en fenómenos
como a crise ecolóxica global, a pobreza ou a fame. Quen facemos parte
da minoría privilexiada global temos unha responsabilidade especial.
A
degradación ambiental que sofre o noso país non é allea á crise ecolóxica
global, e viceversa. Inxustiza social e degradación ambiental están
estreitamente relacionadas. Os nosos hábitos teñen consecuencias
locais e globais, achegadas e alonxadas no tempo. Vivimos nun mudo imposíbel,
dominado por fortes tendencias (auto)destrutivas, pero as cousas non teñen
porqué ser así. Podemos construir Galicia doutra forma, desde a empatía
e a solidariedade, desde a sustentabilidade ambiental e a xustiza
social, aprofundando na democracia participativa, exercendo a cidadanía,
defendendo a dignidade.
Cumpren
cambios globais, estruturais, colectivos… pero tamén locais, parciais,
individuais. É necesario mudar hábitos, políticas e regras de xogo e
isto só será posíbel con cidadanías fortes, organizadas e
sensibilizadas, responsábeis, que pensen globalmente e actúen tanto
local como globalmente.
Promover
unha transformación social e global baseada na sustentabilidade ecolóxica
e a xustiza social requer cidadanías fortes. Construír unha cidadanía
forte implica fuxir do localismo e a atomización; autoorganizarse e
tecer redes, nacionais e transnacionais; desenvolver un traballo
rigoroso, de cualidade e viábel, que supere o voluntarismo; xerar
sinerxías que melloren a capacidade de análise, denuncia, difusión,
mobilización, presión e desenvolvimento de alternativas.
Amarante
e Verdegaia son dúas organizacións nascidas para afrontar os mesmos
retos desde diferentes movimentos sociais e con análises
ideoloxicamente próximas. Desde a cooperación internacional unha,
desde o ecoloxismo social a outra, Amarante e Verdegaia surxen como dúas
entidades que apostan pola autoorganización da cidadanía galega para
avanzarmos na construción da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza
social.
Verdegaia
e Amarante son expresións da autoorganización da cidadanía galega.
Sen ataduras, sen dependencias partidarias, gobernamentais ou
empresariais. Apartidarias, pero non apolíticas. Nascidas en Galicia e
organizadas a nível galego, sen que isto impeda colaborar con
organizacións doutros países e ámbitos ou integrarse en entidades máis
amplas, de ámbito estatal, internacional ou transnacional.
Amarante
e Verdegaia queren xerar ese tipo de sinerxías transformadoras, e por
iso deciden estreitar os seus lazos de colaboración. Esta unión de
forzas e apoio mútuo posibilitarán unha maior presenza e capacidade de
incidencia de ambas organizacións, farán máis posíbel avanzar na
construción dunha alternativa emancipatoria, galega e global, ao
industrialismo.
Deste
xeito, ambalas dúas organizacións inician un acordo de colaboración a
nivel nacional para fomentar o tecido asociativo, a incidencia social e
a presión política que se concretan en campañas conxuntas dentro do
consumo responsable e sustentable como roupa limpa ou a soberania
alimentaria ata compartir espazos de traballo e locais conxuntos para
conquerir o noso obxectivo de dinamización da sociedade e da
transformación social
Decembro
de 2.007
PROTOCOLO
PARA O TRABALLO COMÚN ENTRE AMARANTE e IND PARA A CONSTRUCIÓN DUN
MODELO GALEGO DE SOLIDARIEDADE
INTRODUCIÓN
A
construción dun modelo galego de solidariedade é clave para que a
sociedade sinta como algo propio o traballo internacionalista e a
cooperación cos países do Sur.
Faise
necesario un punto de inflexión na dinámica contraposta entre ONGDs
estatais que usan Galicia como campo de operacións, centradas
maiormente na captación de recursos económicos, e pola outra banda
unha morea de microorganizacións cun traballo de sensibilización
social importante pero sen capacidade de incidencia institucional e sen
resortes de expansión xeográfica.
No
2003, por iniciativa conxunta de xentes, organizadas ou non, Amarante e
IND participamos nunha serie de reunións encamiñadas a crear un espazo común da solidariedade
galega.
A
realidade é que o tecido asociativo galego en xeral é feble, ten
asumido un certo grado de resistencialismo ou está nun proceso de
declive. Pola contra, observamos como existe un amplo sector de persoas
que hoxe actúan e participan sen moita convicción en ONGDs estatais próximas
aos seus criterios ideolóxicos na medida en que non atopan un espazo
forte galego capaz de xerar as ilusións necesarias como para contribuír
coas enerxías necesarias.
Dos
diversos encontros propiciados pola iniciativa soamente Amarante e
Implicadas/os no Desenvolvemento foron capaces de presentar e xestionar
un proxecto concreto: a iniciativa CRISOL, en Vigo.
Amarante
e IND son dúas ONGDs nacidas nos últimos anos da década dos
noventa e polo tanto comparten unha orixe e preocupacións comúns. Trátase
de ONGDs fillas dunha terceira xeración de incorporación social ampla
á solidariedade coincidindo cunha nova orde bipolar norte/sur nacida á
calor da caída do muro de Berlín e condicionadas polo mesmo en tres
aspectos:
-
No ideolóxico: Trátase ONGDs críticas que teñen unha visión de
transformación estructural das sociedades e que saben que o
problema da pobreza non está na axuda tecnolóxica ou material senón
no cambio social.
-
No Político: Trátase de ONGDs galegas porque fan unha aposta pola
participación e pola organización da sociedade civil.
-
No orgánico: Trátase de dúas ONGDs democráticas pero estruturadas
con mecanismos de decisión claros o que facilita a toma de acordos e o
respecto ás decisións que se poidan asumir conxuntamente.
Hoxe
non podemos saber, e seguramente nin tan sequera debemos planificar, se
se chegará a unha organización resultante dun proceso de converxencia
na solidariedade galega, pero en todo caso si debemos ter claro catro
aspectos:
1.
A perspectiva de confluencia entre Amarante e IND debe basearse na
consciencia de que ambas contribúen con algo á sociedade galega. A súa
fusión a curto prazo non significaría mais que a desaparición dunha
delas e tamén da súa bagaxe cultural e a súa traxectoria, e pola
contra debilitaría aínda máis o tecido estrutural galego nun momento
de ofensiva das grandes ONGDs estatais. A impronta ecosocial de Amarante
e a impronta feminista de IND son elementos transversais e
complementarios das políticas de ecodesenvolvemento e de xénero coas
que se debe abordar a solidariedade do século XXI.
2.
Os obxectivos da colaboración entre Amarante e IND son traballar de
maneira conxunta para ter unha maior incidencia social en toda a
comunidade galega (por medio de campañas conxuntas no campo da política
institucional e no campo da educación para o desenvolvemento), evitar a
duplicación de esforzos e acadar un maior nivel de sinerxía dos
esforzos das dúas organizacións, ter unha maior presenza no territorio
galego, chegar a unha maior mobilización das/os súas/seus activistas,
impulsar o consumo responsable e o comercio xusto por medio do proxecto
Crisol.
3.
Hai unha importante cantidade de persoas con claridade de ideas e
capacidade de xestión que nos observan e esperan que rumbo tomamos.
Espazos comúns como os de Crisol son plataformas de incorporación
do groso que representan a masa critica e que necesitan proxectos
como o de Amarante ou IND.
Obviamente
calquera iniciativa común de converxencia non exclúe a colaboración
con outras organizacións e persoas coas que a coincidencia estratéxica
sexa menor.
O
período que se abre nos próximos anos é decisivo. A aprobación da
lei de cooperación de Galicia e o plano director son elementos centrais
que nos obrigan a dar pasos na converxencia que permita xerar un espacio
solidario galego forte con incidencia social e influencia institucional.
CAMPOS
DE TRABALLO
PRESION
POLÍTICA
Unha
das eivas fundamentais da solidariedade galega é a súa falla de
capacidade de incidencia institucional, quedando esta en mans de
estruturas foráneas que trasladan campañas de incidencia e de presión
sen tan sequera adaptalas á nosa realidade.
Amarante
e IND inician un traballo conxunto neste campo sabendo que a presión
política sobre institucións ou empresas con parámetros galegos só
será eficaz cando o movemento de presión estea sustentado en
estruturas fortes. En todo caso cómpre dar pasos nese camiño.
Un
primeiro paso necesario é a creación dunha corrente de opinión común
na solidariedade galega en xeral e na CGONGDs en particular.
POLÍTICAS
DE FORMACIÓN
A
formación é unha necesidade se queremos incidir conxuntamente cunha liña
coherente común no mundo da solidariedade. Trátase de definir un catálogo
de temas e espazos comúns de formación.
En Galicia, a 10 de xullo de 2.006
|