AMARANTE PARCERIAS ACTIVIDADES ENLACES NOVAS

CONSUMO RESPONSABLE. SENSIBILIZACION
 

 

   Cada vez que compramos un producto estamos establecendo relacións comerciais co resto do mundo. Esto, que pode parecer esaxerado, é unha realidade cada vez máis evidente nas nosas sociedades, e pon ós consumidores e consumidoras en situación de incidir sobre as condicións en que se producen os artigos que consumimos . O poder dos consumidores e consumidoras radica na súa capacidade de optar por productos elaborados e comercializados con métodos que aproban e rexeita-los que non cumpren esas condicións.

   O obxectivo, por tanto, é poñernos diante desa realidade e favorece-la equidade nas relacións comerciais.

CAMPAÑA ROUPA LIMPA

 A Campaña Roupa Limpa é unha campaña internacional enmarcada dentro da “CLEAN CLOTHES CAMPAIGN” que opera en 9 países de Europa.

  A Campaña Roupa Limpa no Estado Español está coordinada por SETEM e apoiada por máis de 70 organizacións de desenvolvemento, sociais, sindicais e de consumidores.

  Esta Campaña que coordina Amarante en Galicia ten como obxectivo principal, promover o comercio baseado no respecto á persoa e oponse a aquel que explota a millóns de traballadores/as especialmente a miles de mulleres as máis marxinadas do sector téxtil. É polo tanto o altavoz das reivindicacións das persoas que confeccionan a nosa roupa.

   A Campaña Roupa Limpa, a partir do exame do sector téxtil mundial, quere pór de relevo os prexuízos que a actual orde económica internacional ten sobre os países e as poboacións máis empobrecidas no Sur e no Norte.

   Durante o seus cinco anos de funcionamento as accións foron orientadas principalmente a informar e sensibilizar, na actualidade, agora pretendese dar un paso máis cara a denuncia e aportación de propostas de mellora da inxusta situación na que viven os traballadores e traballadoras do sector téxtil no mundo.

   No Sur o obxectivo é mellorar as condicións laborais e salariais, así como defender os dereitos humanos fundamentais no respecto as persoas.

   No Norte, pretende fomentar o consumo responsable entre os cidadáns informando e sensibilizando sobre as condicións en que se fabricaron os productos que mercamos .

Os seus obxectivos son:

1.      Sensibilizar sobre as condicións de explotación de millóns de traballadores e traballadoras do sector téxtil.  

2.      Promover un comercio máis xusto e equitativo co Sur.

3.      Promover un consumo máis responsable no Norte.

4.      Denunciar e presionar a empresas multinacionais para que cambien practicas que   prexudican ós países e poboacións no Sur e no Norte, con atención principal ás marcas galegas ZARA e ADOLFO DOMINGUEZ.

5.      Plantexar alternativas e levar a cabo accións concretas que permitan mellorar as condicións sociais e laborais dos traballadores e das traballadoras no Sur.

En resume, sensibilizar a consumidores e empresarios sobre a responsabilidade social que temos todos na compra ou producción de prendas de roupa e animar ós consumidores a esixir ás empresas transparencia e responsabilidade social.

AMARANTE conta con accións das empresas galegas INDITEX e ADOLFO DOMINGUEZ e cada ano durante a Xunta de accionistas das compañias intervimos para comprobar os avances en RSC e denunciar as situacións que estan pendentes.

   A posta en marcha da primeira titulación de moda en Galicia serviunos para presionar aos seus impulsores ( Deputación de Pontevedra, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo ) sobre a necesidade de introducir un modulo de ética social para que serva de elemento de reflexión e traballo para os futuros deseñadores e empresarios da moda en Galicia.  

COMPRA PÚBLICA ÉTICA

 A Compra Pública Ética materializa o esforzo das Administracións para dotarse de mecanismos que lles aseguren que os productos adquiridos como consumidores no mercado, foron elaborados respectando os dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras.

As iniciativas de Compra Pública Ética contribúen a facer máis coherente o consumo institucional cos principios dos servicios públicos e a impulsar unhas políticas de responsabilidade social máis comprometidas por parte das empresas provedoras.

De cotío, os traballadores reciben menos do salario mínimo legal e as mulleres aínda menos, o traballo infantil é habitual e os servizos de vivenda e saúde son pésimos ou inexistentes.

Todo isto repercute nos niveis de desenvolvemento humano de países na maioría das ocasións xa fortemente empobrecidos: a nivel individual os traballadores/as teñen que deixar de mandar ós seus fillos e fillas á escola, non poden pagar servizos de saúde nin menciñas, ás veces nin a súa propia alimentación. Isto lévaos en moitas ocasións a deixar o campo e trasladarse ós cintos de pobreza das cidades.

As adquisicións sustentables son unha solución para integrar criterios de sustentabilidade en tódalas fases dun proceso de compra pública de forma tal de reducir o impacto do consumo sobre a saúde humana, o medio ambiente, as desigualdades sociais mundiais e a calidade de vida das actuais e futuras xeracións.

As administracións pódense converter en actores do desenvolvemento  sostible a través das súas decisións de compra pública. A introducción de consideracións de Comercio Xusto nos procedementos de contratación administrativa constitúe unha maneira eficiente de adoptar políticas públicas de consumo responsable. Á vista das considerables cantidades invertidas na adquisición de bens e servicios, a Compra Pública Ética terá efectivamente un impacto duradeiro nas vidas de productores e traballadores de países en vías de desenvolvemento.

O marco legal europeo da contratación pública permite a integración da variable social, a promoción e a integración dos productos de comercio xusto e en xeral a compra pública ética sempre que se respeten as regras establecidas polas directivas comunitarias e a lexislación nacional.

Cabe destacar que o 16% do PIB europeo está formado pola compra pública das administracións europeas o cal pon de manifesto a importancia económica da compra pública e o mesmo tempo o seu valor como elemento de promoción e de cambio das dinámicas de mercado globalizadas.

PROGRAMA BO CAFÉ

O café é a materia prima que máis divisas move no mundo, despois do petróleo. Do seu cultivo e transformación dependen uns 25 millóns de familias nos países do Sur. Debido a crise do mercado do café, o seu prezo ten caído un 70% dende 1.997, chegando ós índices máis baixos dos últimos 30 anos; estase a  pagar nos países produtores por debaixo do seu custe de produción para o pequeno labrego.Todo isto repercute nun aumento da pobreza destes países xa  fortemente empobrecidos.

  Fronte a esta situación xorden outros xeitos que poden axudar a mudar esta inxustiza. O consumo do café no Norte pode transformarse nunha actividade de apoio ós pequenos produtores de café do Sur a través das redes de Comercio Xusto.

Evolución dos prezos do café. Xaneiro 1.997- Decembro 2.003

   O bo café está listo é a mensaxe da iniciativa SETEM (Federación da que forma parte AMARANTE) coa que queremos dar un paso máis na difusión e expansión do consumo de café de Comercio Xusto.

    Este programa vense desenvolvendo dende hai varios anos en Cataluña, Baleares e País Vasco; e máis recentemente en Madrid, Navarra e Valencia, e agora Galicia, conseguindo máis de 650 puntos de venta ou de consumo de café de Comercio Xusto.

  No eido das máquinas automáticas de bebidas quentes é onde a penetración do café do CX foi máis ampla. Nestes momentos hai xa 50 empresas  de vending que teñen máquinas con café e outros produtos de alimentación de CX subministrados por SETEM, e o número segue aumentando.

  A través destes canais estímase que arredor de 68.000 persoas consumen diariamente café de CX, grazas ás máis de 450 máquinas automáticas que xa empregan o noso café alternativo.

  Os obxectivos desta iniciativa son, por unha banda, que os consumidores coñezan dun xeito crítico o actual sistema comercial internacional, que resulta inxustamente desfavorable para moitos países e colectivos, e pola outra promocionar o consumo de café de Comercio Xusto como medida de apoio ós pequenos produtores do Sur.

  QUE OFRECE AMARANTE co PROGRAMA BÓ CAFE?

  • XUSTIZA. Un prezo digno que permita a millóns de pequenos campesiños sair do circulo da pobreza e a as súas familias ter unha vida digna. O café que distribiue AMARANTE procede das cooperativas de labregos e labregas de Colombia – CENCOIC, FCC-FANAL e ASPROVEGA -  e  de Tanzania – KNUC -  organizados de xeito participativo e que lles permite por en marcha proxectos sociais para mellorar as condicións de vida de miles de familias.

  • CALIDADE. O café de Comercio Xusto que distribúe AMARANTE está elaborado con café arabiga natural de gran calidade de COLOMBIA e de café robusta natural de TANZANIA. Duas liñas de café – Medium e Intenso – aseguran mesturas de arabiga e robusta en función do paladar do consumidor. En tódolos casos, o cultivo do café realizouse de xeito respectuoso co medio ambiente, empregando as técnicas da tradición indíxena e da agricultura sostible. Realiza un tostado artesán, a lume lento e en poucas cantidades, garantindo un café sempre fresco.

  • GARANTIA. AMARANTE é membro da Iniciativa española do Selo de Comercio Xusto FLO e forma parte da rede de Comercio Xusto Europeu NEWS. Un selo de certificación que garante que o café que se expende nesa máquina é de comercio xusto, con información adicional ós consumidores e consumidoras.

  • CONDICIÓNS VENTAXOSAS. O feito de AMARANTE ser distribuidora de Comercio Xusto e de ter asinado un acordo  comercial coa importadora cordobesa IDEAS permitenos ofrecer as empresas de Vending e as cafetarias un prezos e unha condicións comercial. Unha nova imaxe, un valor social das empresas colaboradoras engadido ao solidarizarse coa situación de pobreza na que viven os produtores e produtoras dos países do Sur. Publicidade para as empresas colaboradoras nos medios de comunicación, na nosa páxina web e na rede  de información social.

  • SENSIBILIZACION. Bó Café é un programa de sensibilización social. Amarante é unha   ONG que considera a educación un dos elementos claves dos cambios necesarios, polo que adica recursos humanos e materiais á difusión e explicitación do Comercio Xusto. 

O Programa BO CAFÉ esta apoiado pola Dirección Xeral de Cooperación da Xunta de Galicia.

FINANZAS ÉTICASA Campaña de

Un dos obxectivos prioritarios desta campaña é denunciar o impacto das inversións de diferentes bancos. Para esto elixiuse a BBVA e Santander como exemplo representativo da banca española. O primeiro paso foi encargar unha investigación a SOMO (Centro de Investigacións sobre Empresas Multinacionais). Os resultados foron dous informes que puxeron de manifesto a vulneración dos dereitos humanos e o impacto negativo sobre o medio ambiente na maioría das inversións de estas dúas transnacionais en América Latina.

Durante o mes de xuño celebráronse en Madrid as Xornadas Internacionais “A banca baixo a Lupa”, nas que contamos con representantes de SOMO e do Movimento dos Atingidos por Barragems (Brasil), afectados directamente polo caso Río Madeira (inversión de Santander)

En Galicia  un grupo de traballo formado por máis de dez entidades, entre as que se atopa Amarante que ten como obxectivo impulsar unha entidade de Banca Ética de base cooperativa. Aínda que está se definir por completo o tipo de entidade que se creará si se pode dicir que temos como referencia tanto a Coop57  como a Fiare.

SEMANA GALEGA DE COMERCIO XUSTO

  A Semana Galega do Comercio Xusto ten como finalidade principal concienciar ós galegos e galegas sobre o importante papel que como consumidores teñen e a necesidade de que o utilicen positivamente, ó tempo que aproximar a realidade dos productores do Sur. En concreto a edición do ano 2004 estivo dedicada o mundo da moda, xa que consideramos que é unha temática con suficiente entidade como para traballala a fondo nesta actividade que xa reune a un importante número de cidadáns interesados en coñecer novos aspectos do consumo que a publicidade, os medios de comunicación e outros canles de información, tersiverxan e utilizan maliciosamente no seu beneficio.

A Semana de Comercio Xusto esta vertebrada en tres espacios claramente definidos. Por unha banda o Ciclo de Conferencias, debates e obradoiros que ten como obxectivo a sensibilización e afondamento na problemática da producción de roupa tanto no Norte como no Sur. Por outra banda a  degustación gratuíta de productos de alimentación de Comercio Xusto co que se pretende familiarizar os consumidores con ditos productos. E por último, a celebración de actividades lúdicas, pero sen perder de vista a mirada crítica ca que queremos dotar tódolos contidos da SEMANA.

A Semana Galega de Comercio Xusto celebrase conxuntamente nas cidades de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo.

CAMPAÑAS DE PROMOCION DO COMERCIO XUSTO

     Achega-los productos de comercio xusto á cidadanía é tamén parte da sensibilización, posto que máis alá da información, supón dar a coñecer directamente os productos, introducilos nos hábitos de consumo e rachar algúns prexuízos que existen sobre o comercio xusto, como o seu prezo excesivo ou a súa inferior calidade.

 

 

 

 

AMARANTE

ACTIVIDADES PARCERIAS ENLACES NOVAS
Inicio