Amarante ven de sacar unha liña de café de comercio xusto colombiano por medio dun acordo coa tostadora CIVIT. Tratase do primeiro café de comercio xusto etiquetado en galego, que se ven a sumar ao panela, o azucre estuchado e as marmeladas que xa viña distribuindo Amarante. |



| Amarante e Verdegaia botan peche ao ciclo de cine "Coñecer para Cambiar" |
|
|
|
|
O vindeiro xoves 11 de marzo as 20:30hs proxectarase a derradeira das películas do ciclo de cine que as dúas asociacións veñen organizando no local que comparten en Compostela. Nesta ocasión, a película escollida é “La Dignidad de los Nadies” (Pino Solanas, 2005), un documental onde queda recollida a reacción popular ao corralito arxentino: comedores populares, piquetes, recuperación de fábricas, traballo solidario en hospitais públicos...
A finais de xaneiro deste ano 2010, as organizacións Amarante e Verdegaia decidiron poñer en marcha unha actividade coa que poder abrir un espazo para o coñecemento e a reflexión acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais, empregando a linguaxe audiovisual como unha xanela para achegarnos a esas realidades. Coñecimos algunhas das claves da publicidade comercial co documental “Gran Superficie”; despois descubrimos o negro negocio do café con “Black Gold”; “Nuestro pan de cada día” amosounos o que nunca se amosa da industria gandeira e alimentaria; “China Blue” adentrounos nas fábricas textis; “O Mundo según Monsanto” debuxou a aterradora historia dos transxénicos; con “Life and debt” quedou á vista o papel do FMI e o BM na globalización capitalista; e con “Estamira” viaxamos ás cidades do lixo, ocultas aos ollos dos seus habitantes... Entendemos que coñecer e comprender as causas dos problemas que afectan a sociedades tanto do Norte e do Sur, representan o primeiro paso para o cambio persoal e social. Con este ciclo, quixemos ofrecer á cidadanía compostelá un espazo para o intercambio de ideas e inquedanzas nun clima ameno e distendido e, á vista da nutrida participación -máis dun centenar de persoas pasaron polas oito proxeccións- e os interesantes debates post-filmes, pensamos que, cando menos nunha parte, conseguímolo. Este xoves voltaremos a xuntarnos no noso local da Avda. Romero Donallo, nº 17 para compartir a derradeira das películas deste ciclo e a combater o frío cun chocolate de comercio xusto (non esquezades traer as vosas cuncas!). Desta volta contaremos cunha participación moi especial: Pablo Carro, compañeiro que conta cunha larga traxectoria de militancia en diferentes movementos sociais en Arxentina e profesor na Universidade de Córdoba, conducirá un coloquio despois do filme ofrecéndonos algunhas claves para achegarnos a actual situación das iniciativas e experiencias populares xurdidas no país austral nos últimos anos. |